A Oficina de Transformación Comunitaria de Ames celebrou onte unha nova charla informativa no Local Social de Trasmonte, dando continuidade ao seu traballo de proximidade territorial e achegando as comunidades enerxéticas á veciñanza.
A xornada contou coa asistencia de aproximadamente 27 persoas pertencentes a Trasmonte, Lens e Agrón, integrantes da Xunta Directiva da CE Ames Solar e estivo a cargo de Juan Carlos Carreja Iglesias, técnico local de emprego e desenvolvemento (AEDL) do Concello de Ames, e Paula Vila Periscal, da OTC Ames. Durante o encontro presentouse tanto a propia Oficina de Transformación Comunitaria de Ames como as comunidades enerxéticas e, en particular, a Comunidade Enerxética Ames Solar.
Gran participación e interese veciñal
O Local Social de Trasmonte converteuse nun espazo de diálogo e intercambio onde os veciños e veciñas mostraron gran interese polas posibilidades que ofrecen as comunidades enerxéticas. A charla xerou unha activa participación do público, especialmente cando se abordaron os futuros posibles proxectos que podería desenvolver a CE Ames Solar na zona.
Os asistentes puideron coñecer de primeira man as vantaxes de formar parte dunha comunidade enerxética e como este modelo contribúe tanto ao aforro económico como á sustentabilidade ambiental do municipio.
Achegando a transformación enerxética a todos os núcleos
Esta charla forma parte de estratexia de proximidade da OTC Ames para acercar as iniciativas de transformación comunitaria a todas as parroquias do municipio. A Comunidade Enerxética Ames Solar representa unha oportunidade real para que a cidadanía participe activamente na transición cara un modelo enerxético máis sustentable e democrático.
Durante o encontro recolléronse as inquietudes, propostas e necesidades específica das parroquias, información que será clave para o deseño das futuras iniciativas adaptadas ás características do territorio.
Continuando co traballo territorial
A OTC Ames continúa co seu compromiso de chegar a todos os recunchos do municipio, garantindo que ningún veciño ou veciña quede ao marxe dos procesos participativos. Esta charla en Trasmonte suma unha nova parada no percorrido territorial que xa levou a oficina por outras parroquias como por exemplo Biduído, Ortoño e Bugallido.
A túa experiencia como veciño ou veciña é fundamental para nós. A veciñanza e pemes interesadas en participar nos procesos de transformación comunitaria poden contactar coa oficina a través das diferentes canles que poden ver no apartado contacto desta páxina web, así como tamén podes seguir as novidades a través desta mesma páxina.